Wednesday 01 de May de 2024

Posta en marcha da Sede Electrónica Municipal


O Concello da Pobra do Caramiñal inaugura hoxe a súa Sede Electrónica Municipal a través da cal os nosos veciños poderán realizar diversos trámites administrativos a través de internet.
A meirande parte dos trámites da Sede Electrónica contan con dúas modalidades. Unha “Off Line” á que calquera pode acceder pero desde a que non se poden facer os trámites directamente, senón que desde ela, obtense información e pódense descargar os formularios para realizalos de maneira presencial no propio concello. E outra “On Line” na que para poder acceder será necesario estar en posesión do DNI ou certificado electrónico e con isto o usuario poderá dispor dunha serie de servizos personalizados: consultar o estado dun trámite, obter o seu volante de empadroamento, consultar os seus expedientes, representar a outra persoa na presentación de instancias, realizar unha serie de trámites telemáticos regulados e presentar calquera outra instancia ou solicitude a través do rexistro electrónico.
Que vai supoñer a implantación da Administración Electrónica na xestión municipal? Pois vai ser unha nova forma de relación entre a Administración e os cidadáns, xa que abre a posibilidade de relacionarse por internet con plenas garantías legais, de confidencialidade, seguridade e sinxeleza e, ademais, as 24 horas do día os 365 días ao ano.
A Pobra do Caramiñal cumpre así plenamente a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que establece o “dereito dos cidadáns a relacionarse coas Administracións públicas por medios electrónicos” e “a obrigación das Administracións Públicas de redeseñar os seus procedementos e dotarse dos medios técnicos necesarios para que o exercicio do novo dereito sexa plenamente efectivo”.